Rocío é un exemplo desa boa xente que podes atopar no Camiño.
Propietaria dunha fábrica de mobles a carón do Camiño Inglés, na parroquia de Bañobre, en Miño, dada a crecente afluencia de peregrinos, habilitou un pequeno espazo na fábrica cunha fonte de auga gratuíta para que estes puidesen descansar e repoñer forzas. Este lugar de repouso foi ganando fama nos foros especializados para peregrinos e xa non só se ofrecía auga, senón tamén algún apósito, algún bocadillo…
Coa pandemia de 2020 e unha forte caída na venda de mobles, Rocío decidiu darlle un xiro á súa vida e converteu ese mesmo lugar onde empezou con aquel pequeno espazo improvisado na tetería do peregrino, un punto de encontro cos mellores almorzos do Camiño Inglés.